jueves, 1 de mayo de 2014


Canto prenatal en Granada e Aúpa leré.

 Preséntovos o blog de "Canto prenatal en Granada" que se compón  dun taller de canto prenatal e doutro de  música para bebés.


"A música é a arte máis directa, flúe a través do oído cara o corazón, 
insértase na alma e transfórmase na ponte que permite vincularte co teu bebé 
dende antes do seu nacemento". 





Canto prenatal

O canto prenatal é un método creado por Marie Louise Aucher que cre no inmenso potencial da voz e do son.  Desenvolveu un proceso de experimentación co son, a respiración e a vocalización e  no 1960 descubriu  as conexións existentes entre a vibración, o son e o corpo. Segundo ela “cada son ten unha parte no esqueleto”.

Combina o aprendizaxe e uso de cancións especiais para o embarazo e nanas tradicionais de diferentes culturas xunto con vocalizacións e exercicios corporais. É importante ter en conta que a voz da futura nai cambia co embarazo, ao igual que o seu corpo.  Durante o embarazo a voz da futura mamá vólvese máis flexible, isto é, a súa tesitura vocal amplíase englobando sons máis agudos e máis graves. Ao final do proceso de xestación, a voz vólvese máis grave, coincidindo coas sonoridades que máis vibran a nivel da súa pelve (onde o neno coloca a cabeza para nacer).

A partir da semana 20 de xestación comeza a funcionar a parte interna do oído polo que o bebé comeza a recibir estímulos sonoros, que se transmiten ao cerebro para darlles significado e sentido. Unhas semanas antes, o bebé xa percibe a vibración dos sons emitidos pola súa nai. 


 O taller propón unha comunicación entre o bebé e a nai por medio da voz desta, elaborando así un “cordón umbilical sonoro”. A toma de conciencia corporal a través da voz é combinada con dinámicas de grupo, experiencias sensoriais, vocalizacións, exercicios de respiración, actividades de escoita, balanceos e creación de cancións.


Durante as sesións, as nais xogan co corpo que soa, amplían a respiración, experimentan unha nova verticalidade, interactúan vocalmente co neno que se nutre das vibracións das súas voces. 

Podedes ver un exemplo no seguinte enlace https://www.youtube.com/watch?v=XGiMwE57xEI



Música para bebés


“A vivencia musical convértenos en mellores persoas xa que, ao facernos 
máis conscientes dos nosos propios sentimentos ou emocións, 
temos as ferramentas necesarias para ser máis empáticos cos dos demais.”






É importante unha educación musical temperá porque os primeiros anos de vida son fundamentais na aprendizaxe de todas as competencias e, por suposto, tamén da música. Esta permite desenvolver as súas propias capacidades para aprender a comprendela e a comunicarse a través dela e tamén contribúe ao desenvolvemento de habilidades cognitivas, psicomotoras, afectivo-relacionais e sociais. É por isto que os estímulos  musicais durante os primeiros anos deben ser ricos, de tal xeito que integren a expresión vocal e corporal, a manipulación de obxectos, a exploración do espazo e as relacións e a socializacións con iguais e adultos. 



Na seguinte imaxe podemos ver algúns dos beneficios da música.





Os obxectivos que pretenden acadar son:

  • Fomentar o xogo cos elementos da música.
  • Utilizar a música como un medio de comunicación, expresión e socialización.
  • Contribuír ao desenvolvemento cognitivo, motor e emocional.
  • Mellorar a concentración, a memoria e a coordinación.
  • Desenvolver o oído, a memoria e o pensamento musical.


Para chegar a acadar estes obxetivos, baseánse na teoría de aprendizaxe musical de E. Gordon, a cal afirma que a música se aprende do mesmo modo que se aprende a falar. Por iso, os estímulos musicais variados, repetitivos e complexos darán a oportunidade de construír e ampliar o vocabulario musical.

No seguinte vídeo podemos ver un exemplo. 



 Neste vídeo, podemos ver como comezan saudando a cada neno individualmente, ao silencio e á música. Cos xestos van acompañando o ritmo do que cantan (neste exemplo aprenden as partes do corpo). Realizan patróns rítmicos, xogan con panos de cores e escoitan audicións. Os pais móvense  en roda cos nenos ao ritmo da música. 


Creo que estas dúas experiencias se complementan perfectamente, xa que dende o embarazo, nai e bebé están en contacto coa música, neste caso por medio do canto. Penso que é moi enriquecedor que a experiencia continúe despois do nacemento do bebé. A voz da nai establece vínculos co bebé e é unha forma de achegar a música ao bebé nos primeiros meses e mesmo antes de nacer.

Para máis información podedes visitar o seguinte blog:   http://cantoprenatalgranada.blogspot.com.es/p/inicio.html



Para finalizar esta entrada preséntovos a: 


Aúpa leré 







“Aúpa leré, percusión para bebés” é un espectáculo inspirado nos catro elementos da natureza (auga, aire, terra e lume) e consta de dúas partes claramente diferenciadas. Na primeira parte, os nenos e os seus pais escoitarán cancións e pasaxes musicais realizados con instrumentos de percusión de culturas de todo o mundo. A segunda parte é máis interactiva xa que os instrumentos utilizados son repartidos entre os nenos e os pais e estes poden manipulalos, experimentar con eles e crear sons, sendo unha oportunidade única para a creación e expresión musical colectiva dos nenos. E é que con este espectáculo,  os nenos e nenas de 0 a 6 anos, idades ás que está dirixido este espectáculo, poden desenvolver as capacidades propias da linguaxe musical como son a escoita, a  manipulación, a interpretación (neste caso  instrumental) e a  creación.



Os intérpretes deste espectáculo, cunha duración aproximada de 50 minutos,  son Vera Garrido e Antonio Cimadevila, sendo este último o creador da idea. Ámbolos dous son  grandes profesionais da música e extraordinarios pedagogos da educación e da didáctica musical.   


Os obxectivos que pretenden conseguir son:
  • Achegar as familias con fillos pequenos ao mundo da percusión (neste caso, percusión menor).
  • Estimular a sensibilidade auditiva.
  • Contribuír ao desenvolvemento emocional e comunicativo dos máis pequenos.
  • Vivenciar a audición activa e participativa.
  • Espertar  interese cara instrumentos de percusións doutras culturas. 

Podedes ver algúns exemplos nos seguintes enlaces:






Valoro moi positivamente este espectáculo, non só polo dito con anterioridade senón porque achega aos nenos o timbre de diferentes instrumentos, introdúceos nos diferentes sons da percusión… Ademais, hai que ter en conta que a percusión é o primeiro medio polo que os bebés se expresan musicalmente posto que a manipulación de obxectos, os sons que poidan realizar co seu propio corpo e todos os sons percutivos que están presentes dende o seu nacemento, constitúen elementos fundamentais para o desenvolvemento da súa memoria e discriminación auditiva. Sobra dicir, o motivados, interesados e felices que están os bebés e nenos con estas oportunidades de aprendizaxe. 






 Algúns dos conceptos que  coñecen e aprenden os máis pequenos son forte-suave, arriba-abaixo, rápido-lento, son-silencio, ritmo… a través dun espectáculo cargado de luces, sombras e sons.

Algunhas das características que diferencian a este espectáculo doutros son que coidan a duración do tempo xa que os 50 minutos non son casuais senón que se deben á capacidade dos nenos para manter a atención (máis limitada que a do adulto). O ritmo da obra é áxil, con diferentes instrumentos, escenarios e cores que cambian constantemente para que o neno non estea saturado e queira manipular os instrumentos ao finalizar o espectáculo. Non hai electrificación no espectáculo é dicir, non hai micrófonos e cantan a capela de tal xeito que hai máis proximidade na mirada, no espazo e no tacto. As cancións son simples, próximas no texto, breves, de altura melódica natural e o silencio é tan importante como o propio son, traballando tamén o susurro cos nenos.





 Este espectáculo pertence á Compañía Percumento (compañía de espectáculos para a infancia). Ten outro espectáculo que é “En la Isla de Morít”, que está dedicada para nenos a partir de catro anos. Aínda que non pertence ao ciclo 0-3 penso que tamén é unha experiencia moi interesante que vos invito a ver.



Podedes atopar máis información no seguinte enlace:


Espero que vos gustase. Se vos xorde calquera pregunta, non dubidedes en facela. 

Un saúdo.

Virginia Santabaya Carreira



No hay comentarios:

Publicar un comentario